Monday 29 de April de 2024

O Concello de Noia promocionará o seu casco histórico na próxima edición da Feria Internacional de Turismo (Fitur)


Cultura e Turismo ultima un novo produto turístico que porá en valor o potencial dos cascos históricos de Galicia

O alcalde de Noia, Santiago Freire, participou en San Caetano nunha reunión co conselleiro de Cultura e Turismo, Román Rodríguez, e a directora da Axencia Turismo de Galicia, Nava Castro, na que se avanzou o contido dun novo produto turístico que porá en valor o potencial dos cascos históricos de Galicia.

A xuntanza permitiu expoñer as liñas programáticas desta iniciativa, que será presentada na próxima edición da Feria Internacional de Turismo (Fitur) e que afonda na aposta do Goberno autonómico por un turismo responsable, baseado nas persoas e que amplía e diversifica os circuítos dos viaxeiros en toda a Comunidade a través do turismo cultural, do turismo de compras e da gastronomía e a artesanía local.

Guía

Santiago Freire agradeceu a iniciativa ao conselleiro pois “Noia foi un dos concellos escollidos para esta iniciativa que permitirá dar a coñecer a nosa vila no marco da feira de turismo máis importante a nivel nacional cunha guía na que se fai referencia á nosa historia, aos lugares máis salientables do noso casco histórico e mesmo aos comercios históricos da nosa vila”. Esta guía, chamada “Noia, un paseo de historia y vida”, consta de 18 páxinas, cun mapa do casco histórico noiés e unha trintena de fotografías a cor.

A guía que a Xunta de Galicia presentará en Fitur o vindeiro 23 de xaneiro comeza salientando seis lugares imprescindibles para visitar no casco histórico noiés: os xardíns Felipe de Castro/Igrexa de San Francisco, a Igrexa de Santa María A Nova, o cemiterio de Santa María A nova e as súas laudas, a casa García Suárez, o Teatro Coliseo Noia e a Praza do Tapal/Igrexa de San Martiño.

Despois, propón unha ruta pola zona, con inicio e final nos xardíns Felipe de Castro, que inclúe non só aspectos turísticos e culturais, senón tamén referencias tanto a lugares de tapeo como a comercios históricos da vila. A guía compleméntase cunha selección de lugares de interese na contorna, como o cruceiro de Eiroa, os muíños de Pedrachán ou a ribeira do Tambre, con mención especial á antiga central hidroeléctrica.